BKS Iyengar
Bellur Krishnamachar Sundararaja Iyengar naceu o 14 de decembro de 1918, cando a súa nai Sheshamma padecía os efectos dunha epidemia de gripe. O seu pai, Sri Krishnamachar, era mestre de escola e Sundararaja foi o séu decimotercer fillo. Sundararaja non gozou de boa saúde durante a súa infancia: vítima da malaria, o tifus e a tuberculose nunha época na que os antibióticos non existían.
Á idade de dezaseis anos, Sundararaja comezou a practicar o ioga co marido da súa irmá maior, Sri T. Krishnamacharya, home de gran fortaleza física, con moito talento, cultura e unha autoridade nas escrituras. Ensinou ioga no palacio do Maharaja de Mysore. Foi un mestre moi esixente.
En 1936, cando Sundararaja tiña dezaoito anos, foi designado polo seu Guru para ir a Pune a ensinar ioga durante seis meses. A elección recaeu nel porque tiña certo coñecemento do inglés, en comparación cos seus compañeiros, quen só falaban a lingua local (kannada) ou sánscrito. Sundararaja non tivo elección. Ordenáronlle ir e tivo que facelo. "Con temor e dúbida, rendinme á súa orde como privilexio (ashirvad) e funme a Pune, que se converteu no meu campo de acción (karmabhumi) desde entón", recoñeceu máis adiante.
En Pune soportou tempos difíciles: sen casa, nin amigos, nin familia, nun estado (Maharastra) no que a lingua e a cultura éranlle estrañas. Aínda que vivira en casa do seu Guru, durante dous anos, antes de ir a Pune, a súa relación con Krishnamacharya fora moi limitada e non tivo moitas oportunidades de aprender del. Polo tanto, en Pune, decidiu practicar con interese e atención para adquirir coñecemento da súa propia experiencia. Continuou só, axustando e definindo as asanas e así lograr a perfección e precisión.
Podía faltarlle a comida, pero nunca descoidaba a práctica. Practicaba durante longas horas ata chegar a comprender as técnicas de cada asana e os seus efectos.
Esta perfección e precisión da súa práctica reflectiuse no seu ensino e o número de alumnos incrementouse. Con todo, naquel tempo, impartindo clases de ioga non se obtiñan suficientes ingresos para sobrevivir nunha cidade. Sundararaja vivía nos límites da pobreza, sen saber, a miúdo, de onde chegaría a súa próxima comida.
En 1943, os seus irmáns concertaron o seu matrimonio cunha moza de dezaseis anos, chamada Ramamani, quen descoñecía o ioga cando entrou na vida de Sundararaja. Con todo, pronto absorbeu a esencia do ioga e converteuse nunha auténtica forza detrás do progreso do seu marido. Nunca interferiu nas súas prácticas, nin nas súas clases. Ao contrario, chegou a ser un gran apoio e un dos seus mellores críticos e conselleiros. Coidou dunha familia numerosa: cinco fillas e un fillo, case sempre sen axuda, cedendo ao seu marido o tempo que el necesitaba para continuar o camiño que elixira. Ademais asumiu a tarefa de iniciar aos seus fillos no ioga..
B.K.S. Iyengar empezou a ser recoñecido como profesor de ioga. Ensinou a algunhas personalidades como J. Krishnamurti, a loitadores pola liberdade como Jayaprakash Narayan, a Achyut Patwardhan, comandante da Academia de Defensa Nacional e a numerosos médicos e industriais. Ofreceu innumerables demostracións moi apreciadas por personalidades como o Dr. Rajendra Prasad, primeiro Presidente de India, Dr. Mohammad Hatta, ex-Vicepresidente de Indonesia, Marshal Bulganin, ex-premier da U.R.S.S., Nikita Krushchev, primeiro Secretario do Partido Comunista da U.R.S.S. e foille concedida unha audiencia co Papa Pablo VI.
Un encontro casual co mestre de violín Yehudi Menuhin, en 1952, foi decisivo para introducir a Guruji en Occidente, onde se lle empezou a coñecer como Mr. Iyengar.
Menuhin era un alumno entusiasta e ano tras ano Guruji tivo que viaxar ao estranxeiro para ensinarlle a el e á súa familia. Moitas máis persoas uníronse a estas sesións e aos poucos un gran número de occidentais convertéronse nos seus alumnos, quen esperaban con fervor que regresase un ano máis tarde. Menuhin, como os seus demais alumnos continuou a práctica e recoñeceu a Mr. Iyengar como: "o seu mellor profesor de violín".
Permaneceu como fervente seguidor e practicante sincero ata o seu final en 1999.
Lord Menuhin foi ademais decisivo porque lle presentou a numerosas personalidades. Unha delas a Raíña Nai de Bélxica, que ansiaba manterse sobre a cabeza á idade de oitenta e dous anos. E Mr. Iyengar non só lle ensinou Sirsasana senón tamén outras moitas asanas. A Raíña Nai estaba tan contenta que lle regalou un busto del esculpido por ela mesma.
De regreso a Pune, non conseguía chegar ás masas. Vivía nunha casiña alugada, onde só podía dar clases privadas a un ou dous alumnos á vez. Daba clases en salóns alugados ou azoteas de edificios. Ás veces tiña que cancelar unha clase ou cambiar o horario, se o lugar non estaba dispoñible.
Foi en 1968, cando Guruji decatouse de que a propiedade onde se atopa na actualidade o Instituto estaba en venda. Pensou: "se está dentro das miñas posibilidades debo establecerme aquí e construír unha casa pequena cunha clase diante". Con todo, durante os seguintes catro anos, debido a restricións financeiras, non puido planificar ningunha construción. En xaneiro de 1973, Guruji pensou construír só unha casa pequena con tres ou catro habitacións para a familia. Un día de bo agoiro, que resultou ser o 26 de xaneiro de 1973, a súa esposa Smt. Ramamani Iyengar (coñecida agarimosamente como Amma) realizou o bhumi puja.
Con todo, Amma non viviu para ver a casa ou o Instituto, pois faleceu aos dous días de realizar o puja. A súa morte debeu ser un golpe para toda a familia Iyengar. Guruji, por desgraza, estaba fóra, en Bombai, dando as habituais clases do fin de semana. E, a terrible noticia tiveron que facerlla chegar os seus alumnos. Tra-la súa morte, Guruji considerou que se algo había de ser construído nesa terra non sería só unha casa, senón un Instituto de ioga. Así o seu espíritu vive no Instituto que se construíu na súa memoria e inaugurouse oficialmente o 19 de xaneiro de 1975.
Xa entón, a filla maior de Guruji, Geeta e o seu fillo Prashant, practicantes e profesores por méritos propios, comezaron a compartir o peso do ensino no Instituto con Guruji.
O Instituto tivo moitos visitantes de renome incluíndo ao Primeiro Ministro de India: Shri Vajpayee. Celebrou os seus vinte e cinco anos de existencia coincidindo co novo milenio. Desde logo, non é un logro pequeno!!!
Light on Yoga (Luz sobre o Ioga) publicouse por primeira vez en 1966. Este libro resultou ser unha obra mestra e chegou a todos os recunchos do planeta, conseguindo facer universal o ioga. O libro segue reeditándose e traduciuse a dezaoito linguas, transcendendo así a culturas, xéneros, relixións, castes, divisións xeográficas e económicas de todo o mundo.
A este libro seguíronlle máis adiante algúns outros que abarcaron os diversos aspectos do ioga.
Os practicantes de ioga que seguían o seu ensino aumentaron, porque eran moitos os que querían achegarse e aprender directamente del. Isto chegou a ser inabarcable e alumnos avantaxados de Guruji asumiron o ensino nos seus respectivos países. Os alumnos comezaron a denominar o ioga ensinado por Guruji "Ioga Iyengar" para diferencialo do que ensinaban outros profesores.
Aos poucos, o "Ioga Iyengar" converteuse nun sistema que se expandía por innumerables países, inspirando por igual aos mozos e aos non tan novos. Os practicantes procedían de distintos niveis sociais e culturais. Ensinábaselles como adaptar a práctica do ioga aos seus estilos de vida ou profesións, de tal xeito que un músico chegase a ser mellor músico, un artista mellor artista, un científico mellor científico, un médico mellor médico. O fotógrafo americano E. Simmons opinou: "Iyengar é ao ioga o que Renoir á pintura, Rodin á escultura, Sterchen á filosofía".
Robert Engman, Presidente do Departamento de Belas Artes da Universidade de Pennsylvania, erixiu unha monumental escultura de catro metros e medio titulada "After Iyengar" cualificándolle de artista supremo.
A cadea de televisión B.B.C. equiparoulle a un dos máis grandes artistas - "Michaelangelo do ioga".
A obra de Guruji é admirada por diversas organizacións e gobernos do ancho mundo. Recibiu numerosos recoñecementos e títulos como o Padmashri, concedido polo Goberno de India; o premio Patañjali, Doutor en Ciencias pola United Nations Charter for Universal Peace; Shri Krishnanugraha Prashasti por Jagadguru Shri Madhavacharya; Yoganga Shikshaka Chakravarti por Yogacharya T. Krishnamacharya; Yoga Ratna por Vishwa Yoga Samelan; Yoghi Raja por Swami Shivananda; Rajyotsava Award do Goberno de Karnataka e o premio Purna Swasthya.
Ata unha estrela no hemisferio norte leva o nome de Yogacharya B.K.S. Iyengar e rexistrouse no Ministry of Federal Star Registration, U.S.A. A súa localización é Monoceros Ragh 30m49sd+ 1grao 29 minutos.
O coñecemento que Guruji posúe acerca do corpo e a mente humana é extraordinario. utilizou este saber, baseado na súa experiencia, ao tratar a persoas con diferentes enfermidades. O "ioga terapéutico" integrouse ao "Ioga Iyengar", para persoas que padecen múltiples doenzas e buscan o consolo de Guruji. Miles débenlle o que practicamente lles salvara e ofrecido un significado novo ás súas vidas.
Desde 1975 a 1984 foi Guruji quen deu a maioría das clases do Instituto. A partir de 1984 pasou a un segundo plano, coma se entrase nunha etapa da vida onde un aprende o non apego mentres vive en familia (vanaprasthashrama). El ten a capacidade, o poder para continuar, pero tamén ten a capacidade de conterse e desapegarse. Tamén quería que a xeración máis nova tivese a súa oportunidade. A súa filla Geeta, o seu fillo Prashant e outros profesores consagrados empezaron a dar as clases no Instituto.
Con todo, aínda continúa ensinando periodicamente, guiando aos seus alumnos e aos seus alumnos-profesores en clases masivas que dirixe en diferentes lugares do mundo.
En 1998, deu un curso a oitocentos dos seus alumnos durante unha semana, con motivo do seu oitenta aniversario.
Unha vez máis, no ano 2000, dirixiu un curso especial para profesores especialistas de Ioga Iyengar de case corenta países.
Ata hoxe, aos seus oitenta e tres anos, nunca deixa de practicar.
El parece relaxado en calquera das posturas; pero está totalmente implicado, reflexionando, concentrándose, cos sentidos de percepción en calma, nun estado de meditación (dhyana)!
"Cando practico, son filósofo, cando ensino, son científico, cando demostro, son artista".
Esta información foi cedida pola páxina web oficial de B.K.S.Iyengar: www.bksiyengar.com O noso agradecemento.


















